Nova Acrópole é unha organización internacional filosófica que se sustenta en tres principios fundacionais:
1- Fraternidade
Promover un ideal de fraternidade universal, baseado no respecto pola dignidade humana, máis alá das diferenzas raciais, de sexo, culturais, relixiosas, sociais, etc.
Cumpre promover o respecto polas diversas identidades e tradicións, e á vez fortalecer a unión máis alá das diferenzas, harmonizar persoas, ideas e sentimentos nunha convivencia enriquecedora e aberta. Este ideal de fraternidade acha a súa forza no que nos une máis que no que nos separa. Afírmase no recoñecemento de valores universais que, respectando a diversidade, transcenden os propios usos e costumes locais e conflúen nuns principios éticos comúns, inherentes á dignidade de todo ser humano. Este ideal promove o respecto e fomento dos dereitos humanos, así como o recoñecemento duns principios de ética universal.
2- Coñecemento
Fomentar o amor pola sabedoría que, a través do estudo comparado de filosofías, relixións, ciencias e artes, promova o coñecemento do universo, a natureza e o ser humano.
O amor á verdade e o coñecemento, parte da lexítima aspiración por desenvolver o propio discernimento e comprensión do mundo e dun mesmo. Entendemos a filosofía como eixe que relaciona as diferentes facetas e vertentes do coñecemento humano.
A filosofía pode unir as fontes do pasado e o presente nesa visión global, ampla e integradora, transformándoa nun verdadeiro motor do progreso que busque non só indagar nos camiños da vida, senón afondar nas súas finalidades, e que trate de xuntar todos os aspectos do saber e da experiencia.
3- Desenvolvemento
Desenvolver o mellor do noso potencial humano, promovendo a realización plena como individuos e a nosa integración na natureza e a sociedade, non como meros espectadores senón como actores dun mundo a mellorar. O noso traballo redunda en mellores individuos que dean sostibilidade ao desenvolvemento social.
O ser humano garda aínda un enorme potencial latente. Coñecelo e desenvolvelo supón un dos piares fundamentais da propia vida e unha fonte de satisfacción perdurábel. O logro da harmonía entre pensamento, sentimento e acción é unha meta para todo ser humano. Un desenvolvemento equilibrado e global dun mesmo, a realización das mellores calidades e valores da nosa natureza humana, son probablemente a única garantía cara un mundo mellor.